10 de octubre de 2014

REFLEXIÓN sobre o MARCO CONCEPTUAL da ORIENTACIÓN

Marco de referencia

Cando se nos comentou que tiñamos que facer unha reflexión sobre o Módulo I cuxo título é MARCO CONCEPTUAL, xa pensar nestas dúas palabras teño que admitir que me bloqueou un pouco.

Pero por outra banda, a palabra REFLEXIÓN tamén me dou algunha esperanza de que ao mellor si empezaba a pensar nos cinco temas que conforman este módulo podería chegar a algunha conclusión.

Pois alá vou! Cando cheguei a orientación laboral por primeira vez, teño que admitir que traía debaixo do brazo unha titulación universitaria, cinco anos de experiencia en Xuventude, dominio de ferramentas e técnicas de busca de emprego, coñecementos do mercado laboral na comarca e unha boa relación co tecido asociativo e cultural.  Pouco máis!

Con  estes coñecementos e moitas ganas pola miña parte pensaba que xa tiña unha base firme para ir ,pouco a pouco e coa práctica profesional,  gañando terreo nesta profesión. 

Pois ben, as miñas primeiras preguntas ao ir realizando as entrevistas foron: ¿estarei actuando da mellor maneira das posibles para axudar ás persoas na súa busca de emprego? ¿qué deberei mellorar? ¿Temos todos os orientadores unha unificación de modelos, conceptos e criterios? ¿Melloraría a comprensión do que facemos si houbese unha clarificación de metodoloxías e protocolos?

Tamén é verdade que coa experiencia e pasar dos anos, parece que nun momento dado pasei ao extremo oposto. Chega un punto en que o orientador raramente se para a pensar no que fai, en como o fai e menos aínda en como debería facelo. Isto é o punto de inflexión onde creo que, debemos outra vez pararnos, desligarnos do cotián e reflexionar sobre o desenvolvemento da orientación para que esta reflexión nos leve á mellora da acción.

En orientación temos que coñecer onde estamos, o Sistema Nacional de Emprego, o marco actual da política de emprego en España, a política de emprego en Europa. Pero sobre todo, creo que temos que coñecernos a nós mesmos. Deberiamos ter unhas liñas definitorias e claras en relación a cal é o campo de intervención, como definir esta disciplina. Ter un marco conceptual claro e eficiente en relación ao que será o obxecto de intervención en orientación laboral.  E o máis importante, que este marco sexa común e unificado, que todos traballemos cunha fundamentación común. Que non significa que todos fagamos o mesmo e da mesma maneira.

Mercado laboral

No desenvolmento diario do traballo do orientador estamos de acordo que é fundamental o coñecemento do mercado laboral. Sobre todo o mercado laboral na área na que está ubicada o servizo. Para este coñecemento temos que facer uso de todas as ferramentas e instrumentos postos ao noso alcance para este estudo.

Estes coñecementos non serven de moito senón pasamos á acción, isto é, a interacción co tecido asociativo e empresarial da zona. Que coñezan o noso servizo, o que facemos, que temos candidatos para as súas futuras ofertas de emprego. A prospección laboral é fundamental: investigar, preguntar, observar, presentarse. Aquí tamén boto en falta unhas directrices comúns a todo o persoal orientador para realizar este tipo de accións.

Certificación e formación profesional

Podemos afirmar que a certificación de competencias é actualmente un dos temas centrais no discurso e reflexión, sobre a formación e o emprego.

Os cambios constantes na nosa sociedade e mercado de traballo, así como os xiros cara a construción do Espazo Europeo para a formación e o traballo, lévannos a falar de mobilidade laboral e formativa. Esta realidade fai necesario que se articulen procesos transparentes, coherentes e viables, de avaliación e certificación de competencias profesionais.

Nisto estamos todos de acordo pero a miña reflexión fágoa sobre o complicado que pode representar a busca dun sistema de certificación que nos sirva de base a todos os estados membros da Unión.

Non debe ser doado construír un modelo de certificación suficientemente flexible para facer fronte aos constantes cambios que se están a producir no noso contexto socio económico. Tampouco parece doado, certificar as competencias a través dun sistema único cando a adquisición desas competencias en cada un deses países é diferente.

Política social e de emprego na UE

Os mozos e mozas de europa son un dos colectivos que se ven especialmente afectados pola recesión en termos das súas perspectivas de emprego. Os estados membros da UE participan activamente no deseño e implementación das medidas de política encamiñadas a mellora da empregabilidade e a participación no emprego da mocidade.

Unha educación e formación de alta calidade, a boa integración no mercado laboral e unha maior mobilidade dos mozos e mozas son os elementos clave para impulsar o potencial de toda a mocidade e acadar os obxectivos de Europa 2020.

Faise fincapé en todas estas políticas e liñas de acción no colectivo de menores de 30, porque estamos de acordo que é moi importante incrementar as posibilidades para que poidan acceder ao seu primeiro emprego. Pero non hai que olvidar que hai uns colectivos de desempregados, con moitas necesidades e inquedanzas e que non deberían ser excluídos continuamente de determinados programas por cuestión de idade.

Iniciativa emprendedora

Si algo me quedou claro no relatorio de D. Fernando Agulló é que debemos cambiar o noso sistema produtivo. Que as empresas e traballadores teñen que adaptarse aos tempos, adquirir coñecementos ao longo da vida e maior cualificación. 

Que temos que ser máis innovadores, e ofrecer un produto orixinal e de calidade, e esta mesma calidade demandala nos profesionais. O que non me quedou tan claro é como facer este cambio.

Si temos en conta a situación actual de crise, onde a xente se atopa en situacións económicas e persoais extremas, onde emprender significa arriscar…isto dame que pensar! Porque na sociedade actual que temos, tomar este tipo de decisións non é fácil ou factible para moitas persoas.

Por último, en canto as función do orientador como asesor en materia de autoemprego quédame unha dúbida, que a vou a expoñer en forma de pregunta: ¿como lle pode sentar ao meu compañeiro, axente de emprego e desenvolvemento local no meu concello, que  me meta na súa parcela e empece a asumir as súas funcións? Ou ben, ¿como me sentaría a mín (orientadora laboral) que, o meu compañeiro AEDL,  empece a facer itinerarios personalizados de inserción? De acordo! temos que ter uns coñecementos o máis amplos posibles no ámbito laboral , pero tamén temos que ser respectuosos  e ter coidado de  non nos meter no terreo dos demáis!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario